domingo, 31 de marzo de 2013

Estrelas de goma

Así é como loce o chan cuberto de lastros grises, coma se dun planetario se tratase. As pegadas que deixan as gomas de mascar forman múltiples constelacións de manchas negras. Existe, pois, un firmamento de sinais escuras que poderían predecir o destino dos viandantes, que variaría en función do sentido da lectura. Quizais existan outros doce -ou trece- signos do Zodíaco para tentar dar unha explicación ás rarezas das personalidades humanas. 

Mergullándome na internet, descubrín que o prezo de despegar estas pezas de goma supón un enorme gasto para os concellos. Calculouse que arrincar cada unha delas ascende a 0,30 euros, unhas 5 ou 6 veces o prezo da súa compra. Paréceme un capricho, pois, guindar un chicle mastigado ao chan.

Máis alá diso, o verdadeiro motivo que me impulsou a escribir este artigo foi un anuncio dunha coñecida marca de chicles. Os dez primeiros segundos son un perfecto anzol para a poboación adolescente, pois ofrece a posibilidade de coñecer algo novo que aporte sensacións diferentes ás coñecidas. Escarban na necesidade de experimentar para socavar nas mentes puberais e conseguir unha chamada de atención. Ata aquí todo correcto. A segunda metade do vídeo ocúpase de promocionar o produto, declarando innovación na presentación e na consumición. O que me parece verdadeiramente esaxerado  é colocar un imán para pechar un estoxo que apenas durará días. A miña pregunta é: a onde vai parar o imán? Ao lixo? Ao contedor de papel? Ao de envases? Ningún deles me parece apropiado, e moito menos mo parece a disposición dun elemento magnético para tal fin. 

Por se non fose suficientemente superficial o consumo das gomas de mascar, o uso racional dos envases debería primar sobre o luxo da súa utilización. Creo que as empresas deberían firmar acordos de protección do medioambiente e sobre o feito de facilitar a separación do lixo por parte dos consumidores, para que así fose máis sinxelo respectar ao entorno natural. 

Porque unha vez nos pasemos da liña, non haberá solo onde adiviñar o futuro a partir de manchas grises, pois todo será unha mesma mancha.

No hay comentarios:

Publicar un comentario