sábado, 16 de marzo de 2013

Mentres isto dure

Como dicían Presuntos Implicados, "cómo hemos cambiado/qué lejos ha quedado". A estas horas vénseme á cabeza o que dicían os romanos de tempus fugit, e non lles faltaba razón. Apenas unhas frases cunha persoa dunha xeración anterior foron suficientes para espertar unha reflexión acerca do tópico "o tempo voa". Pero quero ir máis alá diso e pensar que mentres ti e mais eu estamos diante da pantalla lendo isto, estamos perdendo -ou empregando- un tempo limitado que nos foi dado, por dicilo dalgún modo e sen entrar en filosofías, para vivir. 
Cincuenta anos pouco supoñen para a Historia, mais para unha persoa poden ser media vida, ou a vida enteira. E nos últimos cincuenta anos moito cambiaron as tornas. Non podo deixar de pensar na cantidade de comodidades que sufrimos e gozamos -ambas as dúas, con pros e contras- hoxe en día. Nada máis erguernos, acendemos a luz. Co simple movemento dun dedo pasamos do mundo das tebras ao mundo da luz, onde case todo -néboas sempre haberá para o ser humano; forma parte da súa condición- é visible. Logo, unha ducha con auga quente. Auga potable traída de quilómetros de distancia, apta para o consumo humano, que pasa por outras tantas millas de tuberías e conductos para saír a unha temperatura óptima que evite os alaridos antes de saír o sol. E o seguinte? Quentar unha taza de leite pasteurizado no microondas. En tan só un minuto, o maior reto para o ser humano, achar calor, solucionado cun par de mandos e un enchufe. E así sucesivamente...
Esta é a rutina para moitos seres humanos pero, sendo realistas, tan só somos unha minoría os que podemos disfrutar e castigarnos con estes inventos do carallo. E penso eu, que faciamos antes de que houbera televisión, móbiles e internet? Onde pasabamos o tempo?
Vivindo. Sen máis. Falando coa xente, durmindo ou contando contos. Adicabámonos a sobrevivir, mentres que agora paréceme que só estamos a sobrevivirnos uns aos outros, a ver quen é o que máis tal. A competencia é unha constante ao longo da Historia, iso non pode dubidarse, e foi o motor de moitas ideas e moitos avances. Con isto, non quero dicir que a época que estamos a vivir sexa "mala"; para nada, simplemente é a que nos tocou, como se dunha lotería se tratase (sen filosofías; é só un modo de falar). Pero unha vez que temos as necesidades primarias cubertas, pasamos a asegurar as secundarias, e cando estas tamén o están, as terciarias convértense no dilema da supervivencia. Que móbil merco? Que tarifa de internet? Que vestidos se levan agora? Lémbrome dalgún persoeiro histórico pensando estas cousas. Como lle quedarían a Dante as unllas cor verde pistacho? Divinas e de comedia, sen dúbida. E Descartes estaría cheo de razón con elas, por favor (non fai falta que vos riades) 

Teño medo, recoñézoo, de que isto dure o que un telexornal e non saibamos sobrevivir sen tanto avance (e pregúntome, avance en que dirección? Cara adiante?). Calquera antepasado se riría diante da nosa napia por non saber facer un lume, non saber coser un botón ou plantar unha verza. E non sabemos, non, e morreriamos de frío ou de fame ou de calquera cousa por non ter ou non saber, e todo por non saber ter o que tiñamos que valorar hoxe en día. 

Mais... que lle imos facer? No fondo, só somos animais cunha certa capacidade -nalgúns casos, dubidable- de razoamento abstracto, e buscamos que comer e onde durmir e xa está. É así de simple, non sabemos máis, e coido que tampouco deberiamos. É máis sinxelo crer que somos felices a buscar a verdade absoluta e que nos coma a negrura... 

E todo isto a que viña? Ah, si, mentres isto dure. Pois ben, no tempo que isto sexa así... música, maestro!

Cómo hemos cambiado - Presuntos Implicados

No hay comentarios:

Publicar un comentario