jueves, 14 de marzo de 2013

Churras, churras, churras

Cando penso nesta fermosa cidade (inciso: ben é certo que as hai máis fermosas, mais todo depende cos ollos cos que se mire), non podo evitar pensar en certa especie autóctona que os científicos denominan Larus michahellis. Este bucólico nome fai referencia a unha especie que, lonxe de estar en perigo de estinción, marca territorial e agresivamente a calquera outra homónima que se lle achegue. 
Refírome, claro está, á gaivota patiamarilla, esa coñecida ave que ronda os ceos desta nosa urbe. Entre as súas actividades favoritas, destacan rematar as tapas dos bares, criar nas chemineas, pasear a gusto nas praias e disparar proxectís fecais dende metros e metros de altura. Elas atopan na nosa costa un lugar onde pasar inverno e verán, un acubillo onde poder chocar os ovos e levar a cabo a reprodución da especie. Faime graza que se refiran a ela como un animal de "preocupación menor" canto á súa posible extinción. Penso que de seguirmos así, poderían estar empadroadas. Elas fan que tomar un simple bocadiño ou un gofre sexa un acto hercúleo en plenas rúas do centro; xa non digamos no arquipélago da ría, onde atacan as bolsas de plástico como se a vida lles fose nelo. 
Vistas de lonxe, parecen elegantes e adaptadas para surcar os ceos atlánticos coma o noso, pero vistas de preto, a cousa cambia. Lonxe de manter a beleza, na miña opinión, semellan enfadadas e agresivas. Os seus ollos relocen disposición a atacar, mentres que os seus andares nada teñen que ver co aerodinamismo que presentan as ás. Sobra dicir que non me gustan, non me gustan nada, malia seren necesarias para manter o equilibrio ecolóxico. Esa cara de cabreo non argalla nada bo, penso, e ata aparentan tramar algo. As pombas ao seu lado son totalmente inocentes. 
E senón miren, mírenlle para a cara a este exemplar e díganme se a súa cara representa algún tipo de intento amistoso. 
Só teño medo do día que muten e comecen a picarnos con ese peteiro laranxa. A famosa película de Hitchcock quedaríase curta. Ogallá os nosos ollos non alcancen a ver tal drama, porque, como dicía a canción: "que ghallo é!", e a estas só lles falta a crista para cacarexar. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario