lunes, 2 de diciembre de 2013

Ho...rrenda Navidad

Urticaria social, sorriso forzado, mans conxeladas e pesadez de estómago. Puf, só de pensalo. Así defino os síntomas de alerxia aburrimental navideña, licencia gramatical incluída. Póñenseme os pelos coma escarpias só de pensalo. Algun/ha coñecid@ vaime colgar do pino maior por dicir todas estas cousas, pero chegarmos a este punto, prefiro dicir a verdade antes de que chegue a inevitable avalancha hipócrita de mensaxes desexándome ledicia, prosperidade, amor, sorte, paz, saúde e todas esas cousas que só se botan de menos cando non as temos, e que non se desexan de-verdá-de-la-buena cando se lle di o mesmo aos 572 amigos de Feisbuk e os 316 contactos de móbil. Que máis ten, chegarán todas esas felicitacións, unha e outra vez, repetidas, ao esmarfon, ao correo electrónico, ás redes sociais e pode que algunha por correo ordinario (neste caso non me parece hipócrita, porque tomarse hoxe en día a molestia de mercar unha postal, escribila e enviala ten maior significado que difundir unha mensaxe por "ghuasap"). Chistes, cancións, vídeos, imaxes... blé de la blé de la blé

Vós seguides empeñad@s, mais eu tamén, e este ano non penso quedarme en silencio. Aviso a navegantes de que o que vén a continuación non será prato de gusto. De seguir lendo, non me fago responsable de posibles reaccións emocionais negativas. He dicho.



Non me gusta o Nadal. Non me gusta o frío, nin as comidas abudantes por Decreto Lei, nin as visitas obrigadas, nin os agasallos porque si, porque é Nadal e hai que facelo. A fórmula da felicidade agóchase en múltiples ingredientes especiais e non adquiribles mediante compra-venda. Non se atopa nas luces de cores, nin en coníferas de plástico nin en representacións milenarias da vida en Asia occidental (para montar o belén xa teño outros once meses). Non está agochado nas cabezas dos langostinos, nin nas doce uvas, nin no cava/champán. 

Son datas obrigadas para moita xente, pero para outra imperdoables. Non celebrar Noiteboa sería coma un sacrilexio e neso doulle -en parte- a razón: sería demasiado estraño un ano sen Nadal. Supoño que hai cousas que merecen a pena: a quen non lle gusta estar cos seus, coa familia e as amizades, e pasalo ben, estar con xente que non se ve a cotío, disfrutar dun bo momento e recibir algunha que outra sorpresa agradable? 
Pero acaso non se pode facer o resto do ano? Ben é verdade que o calendario nacional favorece as reunións sociais nestas festas declarando festivos días que tradicionalmente son celebracións cristiás, e non son sempre compartidas por toda a poboación nese sentido (clic: Odio - Revólver). Cambiar toda esta parafernalia (non me maten) non sería sinxelo, e menos tendo en conta os "intelectos" que temos por cabeza de país, que wertgonza. Calquera abre a boca. 

Semella que outro ano máis, a tradición imperará sobre a vontade duns poucos e seguiremos atorándonos de marisco e turrón, rachando papel de cores, cantando panxoliñas repipis e aturando a ilusión de vellos e meniños, loitando contra nós mesm@s por contentar aos demais mentres calamos. 

De nós depende seguir así.

Agora si, de corazón, deséxoche a ti, que te paraches a ler, unhas boas vacacións/festivos/festas ou calquera variante da que poidas disfrutar, e que tentes facer o que máis che guste durante o máximo tempo posible con todas as ganas do mundo. Porque cando hai algo que che impide ser feliz é cando máis ansías selo. Non o dubides, non fai falla un Nadal para ter un bo xesto.