viernes, 22 de marzo de 2013

Si de amor ya no se muere...

"...yo sin ti no viviré", dicía a canción. E de amor, certamente, hoxe xa non se morre, senón que o final da vida vén por outros camiños, algúns ben relacionados co corazón. 

Por poñernos algo ao día, unha das noticias que hoxe destacaban era o consumo excesivo de sal entre a poboación española. Este exceso duplica o recomendado pola OMS, e certamente si que causa mortes a raíz de enfermidades cardiovasculares. O aumento da tensión arterial é un factor que agrava este tipo de patoloxías, que serían evitables cunha dieta baixa en sal e graxas e cun control periódico das constantes. 
É un exemplo ben burdo, mais cando penso na morte por estes motivos vénseme á cabeza a imaxe d'O porco de pé de Vicente Risco, e o paradoxo que resulta pasarnos a vida comendo para sobrevivir e que precisamente ese exceso nos acabe matando. Os avances industriais dos últimos cen anos permiten obter alimentos baratos e de maneira rápida, sen grandes esforzos, nin físicos nin económicos. O problema vén cando a alimentación que inxerimos supera as necesidades do organismo e acumulamos nutrientes de máis, xeralmente en forma de graxa, o que acaba causando enfermidades cardio e cerebrovasculares. E cal é a solución? Como lle ouvín dicir a un médico: menos plato y más zapato

Para distanciarnos algo do plano científico, imos a outro punto relacionado coa morte e co corazón, que nada ten que ver co anterior: a violencia machista. Non podo evitar caer no morbo de ler a noticia sobre Oscar Pistorius, o atleta cuxa moza morreu por varios disparos efectuados polo propio Pistorius cunha pistola da súa propiedade. Non son quen para dicir ren acerca da súa culpabilidade; o tema do que quero tratar é morrer polo corazón, e neste caso si que hay amores que matan. Penso que é unha traxedia moi seria e que non pode ser obviada. Cando nos medios de comunicación nos din "morreu unha muller a mans da súa (ex-)parella en..." parécenos unha frase feita, como quen di "en abril, augas mil". Caer nisto é gravísimo, estamos facendo dos crimes algo cotián e estamos insensibilizados. Creo que non podemos deixarnos levar polo regular e facer diso un hábito. Cada muller maltratada (e cada home, que tamén os hai) é unha vítima dun pensamento sexista espallado pola mentalidade colectiva, e o feito de morrer por causa dunha persoa coa que se convive é un asunto crítico e delicado. Hoxe quero facer con esta exposición unha chamada de atención acerca dun tema polo que seguen correndo ríos de tinta, bágoas e regueiros de sangue, e a poboación semella impasible ante tal espectáculo dantesco. Non podemos seguir con este panorama social tan prehistórico. 

E se ben é certo que as antigas traxedias onde a paixón atopaba o seu máximo pulo coa morte quedan a séculos vista, as causas actuais de falecemento lonxe se atopan de motivos románticos. Segundo diversas fontes, a violencia machista está considerada como a primeira causa de morte na poboación femenina de entre 15 e 44 anos. A morte a mans dun corazón enfermo é unha das principais causas de falecemento na poboación xeral, especialmente a partir dos cincuenta anos. 

Ao final, todo se resume a que a pataca se para, por un motivo ou por outro. Ten "graza" o asunto se pensamos que para vivir precisamos alimentarnos e sentirémonos quizais máis reconfortados ao acubillo dunha persoa, e que ao final esa necesidade vital se resuma en pechar os ollos e deixar de respirar... Así que xa sabedes, a comer con pouco sal e a coñecer con quen vivimos... E como diría Anne Igartiburu, "hasta mañana, corazones". 

No hay comentarios:

Publicar un comentario