viernes, 4 de octubre de 2013

Muller tiñas que ser

Lamento non ter escrito nada nas últimas semanas, pero motivos de forza maior impedíronmo. Mais o importante non é o pasado, se non o porvir, así que aquí estamos de novo. 

Disque os camiños do Señor son inescrutables; eu penso que os viais da Internet son aínda máis liados, así que fun dar cunha páxina que tenta explicar a actualidade social do Planeta. Nun dos artigos que lin, aparecen unha serie de mapas sobre a situación da muller no mundo, en canto á seguridade física, preferencia de varón e ratio por sexo (olliño con España, que sae en vermello), a trata de mulleres, índice de mortalidade no parto, nivel de educación segundo o xénero...

En fin, as conclusión son sinxelas de sacar pola visualidade das cores. Europa pode ser considerado como o continente máis favorable para ser muller, mentres que hai outros, como Asia oriental ou África, nos que ser muller pode chegar a ser un castigo. Non son discutibles, pois, as inxustizas sufridas polas habitantes destes países e debemos loitar contra elas de todas as maneiras posibles, sen darnos por vencid@s ata conseguir a igualdade.

Outro tema curioso vén referido noutro artigo da mesma páxina: os países do G-20 a análise no seu trato á poboación femenina. Os da Vella Europa son os máis propicios para ser muller. Non sae case nada fóra do agardado, mais hai un par de pinceladas que non está de máis ter en conta: por moito que algúns países se consideren os máis avanzados da Terra, non o son canto á igualdade entre sexos. A muller, de novo, en clara desvantaxe fronte ao varón.

Este non deixa de ser un tema un chisco espiñento, polo impacto social e as etiquetas que nós mesm@s nos colgamos. Se pedimos igualdade, corremos o risco de ser tildad@s de feministas (na súa variante radical, "feminazis") por parte dunha fracción da poboación. Se dicimos que todo está ben estamos mentindo, na miña opinión, e caendo no machismo. Ao meu parecer, son extremos dun mesmo círculo que se tocan.

Partindo dun pensamento promedio basado nos comentarios que se poden ouvir en calquera recuncho do país, a miña opinión é a seguinte: hoxe en día, considerando unha posición "progre" (ja!) con tendencia á igualdade (sen chegar a equilibrar a balanza), unha muller debe saber conciliar a vida laboral e familiar, un requisito que rara vez lle será obrigado a un home. Se a tendencia é, por outra banda, retrógrada e machista, inclinando a balanza a favor do xénero masculino, a muller non ha de ter vida laboral e deberá encargarse do fogar e da familia, mesmo a ser obrigada a tela aínda en contra da súa vontade. Noutros países, por desgraza, a situación é peor, e considérase á muller un animal inferior (sometida a un animal "superior"...) ou un mero instrumento para a procreación, cando non un obxecto.

Non obstante, parece que a Ciencia afirma o que un remanente da cultura popular viña a dicir: as mulleres somos (fomos e, quizais, seremos), os piares da Humanidade. Quiet@s tod@s, non me saltedes ó pescozo. Poñámonos en "modo animal": ben é certo que ambos sexos son necesarios para a conservación da especie humana, mais o papel do home é claramente menos precisado para traer un novo individuo a este planeta. O corpo da muller está preparado, en condicións normais, na súa anatomía e fisioloxía, para poder albergar no seu interior o que será unha persoa (non entremos en discusións, son maneiras de falar). Son, como mínimo, nove meses de embarazo (corenta semanas, aproximadamente), sen engadir o periodo de lactancia (máis que favorable, recomendado e recomendable, tanto para a saúde do bebé como da nai; noutro artigo posterior comentaremos este tema).

Polo tanto, todos precisamos de todos, todos temos un pai e unha nai, pero nalgún momento da nosa vida precisamos directa e case exclusivamente dunha muller para poder asegurar a supervivencia. E isto esquécese, na miña opinión, cunha facilidade pasmosa. Con isto non quero dicir que as mulleres sexamos superiores aos homes; simplemente que debiamos de ser consideradas como iguais, dado que non é así (mírese como se mire).

Para rematar, unha reflexión máis lixeira. As bocas populares manteñen vivo o pensamento do que se nutren, que cambia lenta e progresivamente. Unha das frases que máis se pode ouvir -e máis doen- é a que lle da título a este artigo. Ninguén escolle pertencer a un sexo ou a outro, é unha cuestión azarosa da natureza (que nos últimos anos pretende ser dominada por algúns que buscan controlar a antollo cando non hai un motivo serio que xustifique esta manipulación).

Gustaríame borrar das linguas esas verbas tan ácidas e amargas, que sexan esquecidas e non teñan cabida nas mentes, especialmente dos máis novos, para que as novas xeracións non cataloguen nin xustifiquen o comportamento dun invididuo por motivos como a procedencia, a "raza", a idade, a profesión... e moito menos, por ser home ou muller. Non escollemos quen somos, non escollemos nacer, pero si podemos escoller como vivir e como tratarnos mutuamente. Se nos consideramos seres racionais, fagámolo ser.

No hay comentarios:

Publicar un comentario