sábado, 9 de marzo de 2013

Oito de marzo

No estado no que nos atopamos, o Día da muller traballadora é un día que, parece semellar, se conmemora por un pasado que non existe no día a día, pero nada máis poñer un pé na rúa, dámonos conta de que os instintos primarios, nalgúns casos, primates (sen faltarlle ao respecto aos mesmos), seguen a flor de pel en cada recuncho de cada población no que habitamos como sociedade, aínda que nalgúns casos denominaría "manada" ou "xauría".
Seguramente, pola enorme capa de sebo mental que temos, menda incluída, arredor da masa encefálica, vivimos amortiguados por un engano que se nos puxo diante dos ollos e somos, polo momento, inevitablemente, unha sociedade machista. E si, digo somos.
Porque a realidade está aí: só con saír fóra e escoitar, en calquera lugar, ben sexa unha cafetería, na propia beirarrúa ou calquera outra situación cotiá que se nos preste, o macho home ha de quedar como un ente superior de cualidades inalcanzables para a fémina, demostrando así o valor como dominante. 
Que isto é unha esaxeración? Pode, nalgúns casos, porque non está ben xeralizar do particular. Mais por desgraza, existen aínda numerosos individuos de sexo masculino -do que no fondo, para seu calvario, eles mesmos dubidan- que precisan reforzar o seu fenotipo diante deles mesmos e do sexo contrario, chegando a  faltar gravemente ao respecto a calquera individuo da especie que se lle acerque.
O que sinto vergoña é que as verdadeiras mulleres -e homes-, traballadoras-es e honradas-os, deben alimentar coa súa suor en forma de impostos a estas feras, porque o sistema, ese carcomido e putrefacto andamio no que nos sentamos, está montado así. 

Unha vez ouvín un comentario ferinte e irracional dun Homo sapiens varón que tomo por individuo intelixente que dixo, nunha conversa coloquial, que a muller que desexa ser uróloga ten unha tendencia natural ao membro masculino, e plantexeille a situación inversa: e o home que desexa ser xinecólogo? Poderíase dicir o mesmo? Non, claro, porque non podemos dubidar da profesionalidade da profesión, valla a "rebuznancia". E o que é máis, sobreenténdese que sería nun contexto no que a facultativa ou o facultativo sería heterosexual, mais esta cuestión segue un rumbo que non procede seguir, ao meu parecer, neste instante.

Volvendo ao tema e, despois desta reflexión, seguen pensando que o oito de marzo non é unha data que merece ser conmemorada? Que a violencia machista está lonxe de ser un mal preocupante? Cantas mulleres máis han de morrer a mans de homes para retirarnos o antiface dos ollos e poidamos erguer as nosas voces e darnos por aludidas e rematar, nun diálogo pacífico, co establecemento dunha educación de base igualitaria, que nos reserve as diferenzas mais deixándoas nun segundo plano?
Supoño que non podemos deixar de ser animais, pero se tanto nos xactamos de os únicos seres racionais, por qué non actuar como tales e respectarnos mutuamente no día a día? Deberiamos entendernos, mais seguimos pelexando por quen é o que gaña. Supoño que natureza nos fixo así, mais non me parece xustificación suficiente para un comportamento ancestral e rudimentario.

A xustiza é inxusta. E non hai máis cego, di o refrán, que o que non quere ver. 

1 comentario:

  1. Adxunto un exemplo:
    http://www.lomejordefacebook.es/_photos/386/471/612/ac13ecf69d6f6f3ca8d4a452114d1d96.jpg

    ResponderEliminar