martes, 12 de marzo de 2013

De nada

Así como unha labazada a tempo quita moita tontería, un "grazas" a tempo mantén a compostura social, esa máscara tras a que nos vemos obrigad@s a agocharnos a maior parte do día. Hoxe síntome radikal, si, con "k", porque ata niso me apetece saltarme a normativa (uh, vivo ao límite). Mais parece que, dende o meu punto de vista -non negarei que desviado- hai dous tipos de persoas: as que fan de máis e as que fan o xusto e necesario. Supoño que dende unha perspectiva evolutiva (vivan as hipóteses), hai uns cazadores e uns recolectores, e neste caso aplicaría os adxectivos respectivamente, como é lóxico. Os cazadores serían aqueles que saen a buscar o alimento para a tribo, e os recolectores apañan o que teñen a man.
O gracioso é que no mundo actual, lonxe de recoller baias e cazar gacelas, a tribu aliméntase doutros enseres, dado que as necesidades cambiaron, polo que non falo de alimentos. Os cazadores buscan e atopan o que a vida lles ofrece saíndo do poblado e brindándolle ao resto da tribo as recompensas que achan na súa busca, na maioría dos casos, de maneira desinteresada. Os recolectores sobreviven comendo a gacela que outros traen e a cambio, aportan unhas poucas herbas arrincadas do solo onde dormen.
Como é lóxico, a vida non é "ollo por ollo" nin "dente por dente", mais os cazadores están cansos de selo sen recibir nada a cambio, nen tan sequera un "grazas". Un grazas, esa triste palabra de seis letras, a resposta acertada no momento adecuado na súa xusta medida, a veces agrandado polo calificativo "moitas", que ensancha as calidades do sustantivo de maneira ostentosa. Cal é o valor de compra da palabra? Ningún; en comparación co de saída. Son dúas sílabas, un pouco de aire e un chisco de saliva, que reconfortan e alivian os esforzos realizados polo ben común. A resposta? O título deste artigo. É curioso o xogo da linguaxe, porque aquel-a que recibe un grazas, non sacou o motivo do mesmo, na maioría das veces, "da nada".

Así que, recolectoras-es do mundo unido, alguén tiña que dicírvolo algunha vez: de nada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario