jueves, 7 de marzo de 2013

A xeración dos "cabizbaixos"

Nestes tempos tan críticos, nas rúas de escuro asfalto e ruidosos rodares, dende hai un tempo, vense observando un fenómeno curioso da postura dos seres humanos -posiblemente, o primeiro eslabón da seguinte especie- que deambulan polas beirarrúas das cidades e das aldeas, perseguidos por un pseudoinstinto comunicativo, atraídos por unha luz branca que os posúe durante minutos -en certos casos, horas-, hipnotizándoos e situándoos nunha órbita propia de área aberrante. Estas persoas, consideradas da mesma especie que o resto dos homónimos, teñen a peculiaridade de ser engaiolados por uns trebellos chamados "esmarfons", o último berro en tecnoloxía da comunicación que se fixo un oco nos obxectos diarios, cada vez máis necesario e imprescindible; din as malas linguas que probablemente se trate da evolución do vello teléfono móbil que anunciaban uns anos hai, fácilmente confundible cun ladrillo. 
Estes obxectos, de lixeiro peso e reducidas dimensións, cautivan a individuos de todas as idades, de calquera sexo e condición, polas súas múltiples capacidades interactivas, causando a extensión da zona cervical da columna vertebral e colocando a visión nun punto próximo aos ollos. 
Prégase que calquera que aviste esta -cada vez menos- rara avis -que de raro xa ten ben pouco-, preste especial atención á traxectoria do individuo que porte nas súas mans este especial aparello tecnolóxico, pois corre o risco de ser atropelado por un dos persoeiros da xeración dos cabizbaixos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario