martes, 20 de agosto de 2013

Libros non libres

Hai uns días, entrei nunha dos meus lugares favoritos: a Casa do Libro. Gústame pola súa tranquilidade, polo seu silencio aparente, porque non hai músicas estridentes, e porque hai libros (e algo máis que libros). Hai libros por todas partes. Son todo historias que contar, algunhas ficción, outras realidade, outras metade e metade. Son historias silenciosas que berran coas tapas quedas. Son vidas paralelas que comezan con maiúscula. 
Mais non todo é luz e cor. Non deixa de ser unha empresa e, como tal, busca satisfacer as necesidades dos clientes e suplir algunha que outra. E así foi como, para a miña sorpresa, descubrín que todo o recuncho adicado á literatura galega se desprazou a unha soa estantería. Nel había novelas novas, algunhas reedicións e outras xa consagradas, con algunha traducción polo medio. Pero eran poucos, eran moi poucos. No seu lugar, os chamados "best-sellers" ocupaban unha boa parte da entrada á tenda. 
Dende o meu punto de vista, non é nada xusto publicitar a máis libros que se venden por si sos; deixa aos demais nun lugar deficiente e desprovisto de tantas miradas, co que chegarán menos ao público. En segundo lugar, os ingredientes destes libros buscan a atracción do público, e iso vén a ser, nalgúns casos, como a comida "basura": non importa con que ou como estea feita, o importante é que se coma. Pois aquí o importante é que se venda lea.
Hei de confesar que últimamente non lin deste tipo de libros e tampouco entra dentro dos meus plans. Falta de tempo, falta de ganas, críticas negativas... Non son a adecuada para xuzgar este tipo de literatura, mais sigo pensando que o comercio e a venda está por enriba da calidade e non sempre se permite a outros, na miña opinión, de igual o superior valor lingüístico, chegar nas mesmas condicións ao público. 
Ben é certo que, a diferencia da comida ou das modas, a lectura tende a ser sempre algo positivo. Se diso se trata, non podo caer na comparación entre unha hamburguesa e unha novela, porque non é xusto e porque, en función da calidade da primeira, a segunda sexa posiblemente máis nutritiva. 

Despois da decepción que supuxeron estes cambios na librería, ollei ao meu arredor e subín unha planta: malia ser o mes de agosto non estaba baleira. E iso sempre é algo positivo porque, a pesar de que seguramente se vendan uns máis que outros, o importante é que segue habendo persoas que disfrutan do pracer de engulir ou saborear páxinas.

Que aproveite! 



lunes, 12 de agosto de 2013

Cada cousa no seu lugar

Nun mundo onde xa consumimos máis recursos dos que a Terra nos pode ofrecer, a reciclaxe cobra especial importancia. Mais ninguén dixo que fose fácil. 
Estes días caeron nas miñas mans uns folletos acerca da separación de residuos, porque a reciclaxe comeza na casa, na oficina, no colexio, no negocio ou no local.




Contedor AMARELO
- SI: botellas e envases de plástico (botellas de auga, refresco, envases de produtos de hixiene e limpeza, bolsas de plástico dos comercios), envases metálicos (tapóns metálicos, papel e bandexas de aluminio, aerosois e latas de refresco e conserva) e envases brik e similares (batidos, leite, zumes, viño, caldos, purés, iogurt, envoltorios de plástico de galletas, aperitivos ou doces)
- Non: residuos de plástico que non sexan envases (perchas, xoguetes, cepillos de dentes, rotuladores, películas de vídeo, carretes de fotografías, cables eléctricos, enchufes) e outros residuos (cueiros, restos de alimentos, papel, vidro, pilas...)

Contedor AZUL
- SI: papel e cartón (xornais e revistas, libretas sen anelas, grapas ou arames; papel de embalar ou de envolver, caixas de cartón, acolchado de embalaxes se é papel ou cartón, libros, bolsas de papel)
- Non: nunca habemos de botar papel de aluminio, bricks, cueiros, servilletas ou panos de papel sucios, cartón e papel manchados de graxa ou aceite. Tampouco papeis de calco.

Iglú VERDE
- SI (e sempre sen contido): botellas de vidro (de viño, cava, licores), frascos de perfume e tarros de alimentos.
- Non: bombillas, lámpadas, tubos fluorescentes, porcelana ou cerámica, cántaros, vidros das ventás ou espellos, vasos, copas de cristal, tapóns ou corchos, pantallas de televisión ou ordenador. 

Puntos ESPECIAIS (consultar ao Concello)
- Pilas: han de ser depositadas en puntos especiais para a súa recollida. Son un residuo especialmente contaminante, polo que debemos ter coidado.
- Aceite doméstico: hai supermercados que o recollen, como Eroski ou Mercadona, pero tamén servizos municipais. 
- Residuos de liña branca (frigoríficos, lavavaixelas...) e de liña marrón (equipos de música, ordenadores, televisores...)
- Refugallos voluminosos: mobles, colchóns e similares. 
- Pequenas cantidades de escombros domésticos.
- CDs e disquetes.
- Bombillas e tubos fluorescentes.


No caso de vivir no rural, é posible fabricar compost a partir dos refugallos orgánicos que se xeneren na casa. Para iso, é preciso seguir un manual que proporciona consellos e pasos para realizalo, pois non todo é válido: Compostaxe doméstica - Sogama (o manual atópase á dereita, na zona de descargas)


E sempre que non saibamos ou teñamos dúbida:

   Contedor de orgánicos: restos de comida, cueiros, papeis e cartóns lixados de graxa ou aceite, utensilios rotos (tixola ou similar), cubertos, xoguetes rotos, etc.




Lembra que o teu lixo tamén ten valor. 

lunes, 5 de agosto de 2013

Agugu

Comezamos unha nova tempada no blog! E que mellor maneira de facelo que con estas caras de riso. Sen dúbida, os bebés espertan en nós unha simpatía especial, algo así coma un instinto que nos obriga a coidar deles e asegurarnos da súa protección.


O feito de que nacera o futuro herdeiro á Coroa Británica fíxome pensar no que sería a vida dese cativo dende o primeiro momento. El non se lembrará, non terá conciencia, estará durmido ou non entenderá, pero algún día, será, probablemente, Rei. 
E se non fose ese neno e fose outro? Que pasaría se confundiran as etiquetas no hospital, se por un erro humano se cambiase o destino desas persoas? (De película, pero non por iso menos certo)

Dentro das mellores experiencias que tuven como estudante de Medicina está a de asistir a un parto. Cando vin aquela criaturiña a patalexar, pensei que, a partir daquel momento, podería ter a vida que quixera. Aquel neno chegaría a ser case calquera cousa, dende astronauta, político, filósofo... ata o investigador máis destacado do século, ou mesmo un asasino en serie (a ninguén se lle ocorre pensar que un bebé pode ser un criminal en potencia), Príncipe de Asturias ou premio Nobel. 

E digo case porque, ao nacermos, non somos papeis en branco. Nun principio pode parecelo, pero existe unha nova rama da Xenética, a Epixenética. 
Esta explica por que somos tan diferentes cando xenéticamente somos moi semellantes. Que diferenza hai entre dous irmáns? Mínima no xenoma, pero poden chegar a ser moi diferentes fisicamente. Esto explícase porque o ambiente si modifica a carga xenética que temos, sen chegar a modificar a secuencia de ADN. 
Deste xeito, hai xenes que se expresarán e outros non, e iso levaranos a ter determinadas características físicas que se verán na apariencia externa ou se manifestarán doutra maneira.
Así pois, hai máis do que se herda. Os factores ambientais que dependen do comportamento dun mesmo semellan os máis importantes, mais non son os únicos. Mediante estudos, sábese que a dieta que levaron os nosos avós e bisavós pode influír na nosa predisposición a determinadas enfermidades. As épocas de fame e malvivir amósanse xeracións despois. 




Por iso, na medida do posible, debemos ser persoas sans e coidarnos, porque non só nos o notaremos: os nosos herdeiros tamén nolo agradecerán. 

Para quen queira saber máis: Epigenética