
Pouco feito, no seu punto ou ben pasado; con ensalada, patacas, verduras, arroz; de porco, tenreira (galega!) ou cabalo; á grella, guisado, nunha empanada... Está presente na maioría das dietas mundiais, preparada de varias maneiras e con diversos condimentos, pero hai algo en común en todas: un consumo abusivo de carne pode traernos máis dun desgusto.
Hoxe saíron publicados os resultados dun estudo realizado nos Estados Unidos que confirmaba unha sospeita: hai algo na carne vermella, ademais da graxa e o colesterol, que aumenta o risco de padecer enfermidades cardiovasculares. Parece ser que esta sustancia, a carnitina, transfórmase nun gas e despois, no fígado, nun metabolito (TMAO) que se encarga de alterar o metabolismo do colesterol, facilitando o seu depósito nos vasos sanguíneos, o que causa múltiples problemas de saúde.
No estudo realizáronse probas de detección en persoas cunha dieta normal e en persoas que seguen unha dieta vexetariana; a ambos grupos déronselles a súa abundante ración de carne e realizáronse análises posteriores onde se observou unha considerablemente menor cantidade de TMAO naquelas persoas que son vexetarianas.
Hai algo máis: nun estudio anterior, relacionouse o abuso de carne procesada coa morte prematura: a carne procesada son os embutidos, o xamón, as salchichas e aqueles similares, preparados e conservados con sal e outras sustancias que poden ser prexudiciais para a saúde, causando arterioesclerose (depósito de graxa e colesterol nos vasos sanguíneos), hipertensión arterial (polo sodio do sal) e cancro (polos aditivos que leva o procesamento da carne). Volvemos ao problema de antes: enfermidades cardiovasculares, diabetes e cancro.
E isto que nos vén a dicir? En resumo, que non é recomendable máis de dúas racións de carne vermella á semana, cada porción de 70 gramos (do tamaño dunha caixiña de cigarros), mais tampouco debería de ser suprimida, dado que aporta unha considerable porción de proteínas e vitaminas do grupo B que han de estar sempre presentes. Canto á carne procesada, está comprobado que unha ración pequena á semana aporta un risco pequeno, polo que tampouco habería por que suprimila dunha dieta balanceada e equilibrada. E sempre que sexa posible, sustituir a carne por outras fontes de proteínas e ferro: legumes, cereais integrais, carne branca, peixe, ovos ou froitos secos, que diminúe considerablemente o risco de padecer unha morte prematura por enfermidades cardiovasculares ou cancro.
Gostame moito este blogue, non me estranaría nada que pronto tiveramos unha premiada galega co Nobel. Adiante, moita sorte con el!!!
ResponderEliminar