domingo, 28 de abril de 2013

A mala educación

Apenas sete anos despois da chegada da LOE, ponse en marcha outra lei de educación, a chamada LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa).
E isto? Por que saen tantas leis de educación en España? Que é o que falla, cal é o problema? Parece que ningunha se axusta ás necesidades da poboación.

Para comezar, cales son as novidades que nos promete o Ministro Wert? (entre outras e segundo a Wikipedia)

- Créanse avaliacións ao final da Primaria e da ESO.

- Quítaselle o poder ás ANPAs, que pasa ao goberno e á dirección do centro educativo. 
Que vén a ser quitarlle opinión a toda a comunidade educativa do centro. Vamos, menos democracia.

- Cambia o carácter das materias vinculadas ao aprendizaxe de linguas cooficiais de "materias troncais" a "materias de especialización de carácter opcional" non necesarias para a homologación de estudos.
E como non, querido galego (euskera, catalán...), quedarás renegado e esquecido nun recuncho. Así, para variar.

- Penalizacións aos centros que non cumpran co rendemento académico esixido. 
É dicir, que se os alumnos non coñecen ben o idioma ou teñen algún tipo de déficit, baixarán o seu rendemento e, polo tanto, perderán recursos que lles permitan atender a diversidade que ofrecen. Noutras palabras, educacións para uns poucos se non queremos perdela todos, a lei do máis forte.

- Menor autonomía aos centros e maior centralización da educación.
Novidade, eh? Vindo de quén vén...

Esta lei non queda indiferente á sociedade (e menos mal!), e as primeiras reaccións estanse a notar mediante manifestacións, concentracións e folgas previstas para as vindeiras semanas. 

Na miña opinión, o que están a facer os dous partidos políticos maioritarios é xogar ao balón coa Educación, pero cada un coas súas regras. E quen perde é a sociedade, a do presente e a do futuro. Está claro que a educación en España deixa moito que desexar, cunha das tasas de abandono escolar máis grandes do continente. As avaliacións sucesivas dan por suspensas materias como Matemáticas ou Lingua Castelá, e non entremos en detalles, porque as diferenzas respecto de Europa son máis que considerables: só tres de cada cinco poden dicir que remataron a ESO, fronte ás 3/4 partes da poboación europea. 

Pero na Educación hai outro apartado importante que non ha de ser esquecido: a formación do profesorado. Noutros países europeos, coma Finlandia, as probas para ser mestre son das máis difíciles do país. Isto parece lóxico: para garantir unha boa educación temos que asegurar primeiro a d@s educador@s. Mais en España non é así. Ben é certo que hai que pasar unha oposición para acceder a ser profesor da pública, pero poño en dúbida a criba que se fai ao superar un exame; non só hai que saber teoría. A persoa que oposite pode ser un erudito da materia, pero ter nula pedagoxía. Noutras moitas profesións realízanse outros exames que avalían as capacidades prácticas d@s traballador@s, por que non en Educación? Coido que é tan importante saber moito como saber explicalo, especialmente nun nivel de Primaria. Neste senso, é sabido que a formación é unha pirámide e, como tal, as bases deberían estar correctamente asentadas para asegurar a estrutura, polo que un nivel adecuado nas primeiras idades da vida é básico para garantir a educación futura dunha poboación. Debemos esixir a todos os niveis, comezando polos políticos (que, índome por outros rueiros, o señor Presidente do Goberno español non domina nin o inglés nin o francés; tema aparte, punto en boca)

Son escéptica: dubido que esta lei vaia cambiar nada, xa non digo para mellor. Os resultados veranse nuns anos, e non son nada optimista sobre eles (ogallá me trabuque)

Pero como xa é de noite e toca durmir, imos pensar en algo positivo. Quédome cunha frase que, malia os séculos que pasaron por ela, é independente da Lei Orgánica de turno, e non lle falta razón. 

Deica mañá.


Se planificas para un ano, sementa trigo. Se planificas para unha década, planta árbores. Se planificas para unha vida, educa persoas  - (Kwan Tzu)


No hay comentarios:

Publicar un comentario