miércoles, 10 de abril de 2013

Bágoas

Chorar forma parte da condición humana. Quen non chora non mama, di o refrán. Pero chorar pode ser síntoma de moitas emocións, dende a tristeza, a frustración ou a ledicia, pasando polo noxo e a carraxe. E iso foi o que amosou hoxe X. M. Beiras no Parlamento galego, bágoas de rexeitamento e ira. Despois de interromper en numerosas ocasións ao presidente da Xunta, espuxo a súa opinión acerca das polémicas fotos que saíron á luz hai uns días, na que se vían a Feijóo e a un coñecido narcotraficante de vacacións. 
O vídeo a continuación fai testimonio da intervención de Beiras e non ten desperdicio. Botábase de menos algo de sangue por estes lares. Hai moito político que fala coa boca pequena. 



Por outra parte, É curioso como neste país todo o mundo é político (ademais de médico e entrenador de fútbol), mais só dous tercios da poboación acode a votar. E onde está o tercio que falta? Xa nos esquecemos da época onde non era posible manifestar a opinión política publicamente, cando non tiñamos ese dereito? Iso faime chorar. Non estou a favor do sistema actual de votacións, pero si penso que é posible chegar a un cambio, da maneira en que sexa, e coido que pode ser posible desmontar o sistema dende o seu interior. Que mellor cuña que a da mesma madeira? 

Para rematar, imos facer máis lixeira esta entrada cunha curiosidade: que sucede cando se chora no espazo? Pois parece ser que as bágoas non caen pola faciana, senón que se quedan pegadas á cute e resultan moi incómodas. 
O vídeo a continuación relata o experimento deste astronauta dende a ISS: 



É curioso ver como a gravidade terrestre nos permite chorar, mais outros asuntos de maior gravidade non nos sacan nin unha soa bágoa. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario