sábado, 6 de abril de 2013

Había unha vez un circo

Cando o azar que guiaba o mando da televisión me fixo caer naquela canle, sorprendinme da cantidade de tonterías por minuto que saían da boca daqueles monigotes. Pensei que estaba a ver un espectáculo de animais, en concreto un circo: había feras coma leóns que, no canto de ruxir, bramaban barbaridades; había un mono que só sabía patalexar e armar balbordo; e ata o propio domador, en lugar de guiar o programa, daba renda solta aos pallasos que por alí pululaban, no medio daquel caos con nome inapropiado.
Estou a falar do programa "Sálvame", en calquera das súas versións. Buscando un pouco pola rede atopei a  súa páxina na wikipedia, onde se describe un por un os colaboradores do programa e o seu "motivo" polo cal se viu envolto cada un deles no espectáculo. 

Pero a verdadeira razón desta entrada é outro: hai moitas maneiras de divertirse. Obviamente, non todo será cultura, información, aprendizaxe. O ser humano precisa do seu tempo de lecer e de ocio, pero o modo en que se empregue tal pode ser moi diverso. E na miña opinión, ningunha desas opcións dispón o des-fomentar educación e respeto pola xente. Chámenme o que lles saia do peto, pero non estou dacordo con ningún dos "valores" (máis ben, ao contrario) que se amosan no programa. Ben, é certo que é tan sinxelo como apagar o televisión, ou menos radical, cambiar de canle. Pero vai máis daí: non respeta os contidos apropiados dentro do horario infantil e é o programa con máis queixas de toda a televisión de España, onde incluso tivo que botar man o propio Ministerio de Industria (e que fai un/ha señor/a ministro/a no medio dun circo, onde o domador é máis pallaso que calquera dos monos?)

Vale, recoñézoo: non é un caso illado. Na "parrilla" da televisión podemos ver numerosos programas (e cada vez máis!) que rozan a devaluación social do devandito. Eses programas calan nas mentes da sociedade e abren fendas do tamaño do Gran Cañón do Colorado, onde calquera disolvente neuronal pode caer e queimar coma ácido os remanentes da sustancia gris (séculos de evolución para rematar na telebasura!)

E con isto que digo non imos a ningures, pero sinto que calando, como di o refrán, outorgo. E négome a calar desta vez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario