martes, 20 de agosto de 2013

Libros non libres

Hai uns días, entrei nunha dos meus lugares favoritos: a Casa do Libro. Gústame pola súa tranquilidade, polo seu silencio aparente, porque non hai músicas estridentes, e porque hai libros (e algo máis que libros). Hai libros por todas partes. Son todo historias que contar, algunhas ficción, outras realidade, outras metade e metade. Son historias silenciosas que berran coas tapas quedas. Son vidas paralelas que comezan con maiúscula. 
Mais non todo é luz e cor. Non deixa de ser unha empresa e, como tal, busca satisfacer as necesidades dos clientes e suplir algunha que outra. E así foi como, para a miña sorpresa, descubrín que todo o recuncho adicado á literatura galega se desprazou a unha soa estantería. Nel había novelas novas, algunhas reedicións e outras xa consagradas, con algunha traducción polo medio. Pero eran poucos, eran moi poucos. No seu lugar, os chamados "best-sellers" ocupaban unha boa parte da entrada á tenda. 
Dende o meu punto de vista, non é nada xusto publicitar a máis libros que se venden por si sos; deixa aos demais nun lugar deficiente e desprovisto de tantas miradas, co que chegarán menos ao público. En segundo lugar, os ingredientes destes libros buscan a atracción do público, e iso vén a ser, nalgúns casos, como a comida "basura": non importa con que ou como estea feita, o importante é que se coma. Pois aquí o importante é que se venda lea.
Hei de confesar que últimamente non lin deste tipo de libros e tampouco entra dentro dos meus plans. Falta de tempo, falta de ganas, críticas negativas... Non son a adecuada para xuzgar este tipo de literatura, mais sigo pensando que o comercio e a venda está por enriba da calidade e non sempre se permite a outros, na miña opinión, de igual o superior valor lingüístico, chegar nas mesmas condicións ao público. 
Ben é certo que, a diferencia da comida ou das modas, a lectura tende a ser sempre algo positivo. Se diso se trata, non podo caer na comparación entre unha hamburguesa e unha novela, porque non é xusto e porque, en función da calidade da primeira, a segunda sexa posiblemente máis nutritiva. 

Despois da decepción que supuxeron estes cambios na librería, ollei ao meu arredor e subín unha planta: malia ser o mes de agosto non estaba baleira. E iso sempre é algo positivo porque, a pesar de que seguramente se vendan uns máis que outros, o importante é que segue habendo persoas que disfrutan do pracer de engulir ou saborear páxinas.

Que aproveite! 



No hay comentarios:

Publicar un comentario