domingo, 21 de abril de 2013

O soño da felicidade (I)

Esta noite quero compartir convosco un fragmento, para reflexionar, do libro Follas de vagar, de Eduardo Moreiras.

[...] 
Como explicar os movementos contraditorios da vida? No corazón do inverno xermola a primavera, nas pólas núas decorre a sabia axiña, o ceo resplandece. 
Que é a felicidade? Se cortamos o tempo físico -o tempo do devir humano, que é materia- nun intre de plenitude imaxinaria no que se realizara o meirande anceio do ser, a felicidade sería un infinitésimo, un ente abstracto que tende a cero. 
A contradición vén de que, para percorrer axiña isa abscisa do tempo deica o límite, o ser entrégase ao abandono do irreal e soña que vive. É como un durminte, en vixía do nimbo dourado que trae o mencer. 
Iste anceio de acadar a plenitude inminente do ser que chamamos "felicidade", nace na conciencia cómplice, e por il o home deixaríase aniquilar.

Prometo comentar outro día o texto. Paréceme que ten máis miga da que semella nunha primeira lectura. 

miércoles, 17 de abril de 2013

Arriba

A estas horas, para descansar das idas e vindas de todo o día, buscaba nun xornal algunha noticia curiosa e positiva, pero mira por onde, non a atopei. Que se unha Barbie mexicana con pasaporte, chihuahua e controversia, que se a Antártida está para facer un mojito, que se Bankia non devolve a pasta, que se Marianito fala co Papa e Rouco co Marianito... 
Así que asomeime pola fiestra e mirei cara arriba, na busca dunha saída rápida, un escape sinxelo para unha enorme nube negra de noticias (inciso: teño que recoñecer que as actualizacións "ao minuto" agóbianme coma se fose unha sardiña nunha lata). 
E mira por onde, xusto enriba había un espacio xigantesco para disfrutar: o ceo de noite. Cun pouco máis de sorte e menos de luz, conseguiríamos ver eses fermosos puntiños escintilantes que fan da bóveda celeste nocturna un espectáculo sen igual. 

Quedei sen verbas, así que vou seguir mirando pola fiestra. Convídovos a facer o mesmo. Ás veces merece a pena esquecerse dos problemas terrenais e perderse na beleza que nos brinda o Universo. E, por que non, compartilo.
Deica mañá.

jueves, 11 de abril de 2013

Solpor

Primavera, a comezos de maio. Día de sol. Fisterra.
Lémbraste? 

Pasamos o día andando, facendo o último tramo do Camiño. E finalmente, chegamos ao faro, á fin do mundo, a onde non se vía máis que auga. O sol cada vez ía máis baixo e por fin, antes de subirmos ao bus, chegou el. 
O solpor.

Só tiña que estender un brazo para tocar o teu ombro e dicirche que estaba aí. 
Estabamos tan preto e tan lonxe, á vez, que era imposible vernos. 

O que pensaba que era imposible era que te lembrases de min.

Naquel momento, cando o sol nos entraba polas meniñas dos ollos, uns acordes facían vibrar o aire dos meus ouvidos, e por un momento só estabamos ti e mais eu, diante daquela fermosa paisaxe, testemuña da primavera do 2006. 

miércoles, 10 de abril de 2013

Bágoas

Chorar forma parte da condición humana. Quen non chora non mama, di o refrán. Pero chorar pode ser síntoma de moitas emocións, dende a tristeza, a frustración ou a ledicia, pasando polo noxo e a carraxe. E iso foi o que amosou hoxe X. M. Beiras no Parlamento galego, bágoas de rexeitamento e ira. Despois de interromper en numerosas ocasións ao presidente da Xunta, espuxo a súa opinión acerca das polémicas fotos que saíron á luz hai uns días, na que se vían a Feijóo e a un coñecido narcotraficante de vacacións. 
O vídeo a continuación fai testimonio da intervención de Beiras e non ten desperdicio. Botábase de menos algo de sangue por estes lares. Hai moito político que fala coa boca pequena. 



Por outra parte, É curioso como neste país todo o mundo é político (ademais de médico e entrenador de fútbol), mais só dous tercios da poboación acode a votar. E onde está o tercio que falta? Xa nos esquecemos da época onde non era posible manifestar a opinión política publicamente, cando non tiñamos ese dereito? Iso faime chorar. Non estou a favor do sistema actual de votacións, pero si penso que é posible chegar a un cambio, da maneira en que sexa, e coido que pode ser posible desmontar o sistema dende o seu interior. Que mellor cuña que a da mesma madeira? 

Para rematar, imos facer máis lixeira esta entrada cunha curiosidade: que sucede cando se chora no espazo? Pois parece ser que as bágoas non caen pola faciana, senón que se quedan pegadas á cute e resultan moi incómodas. 
O vídeo a continuación relata o experimento deste astronauta dende a ISS: 



É curioso ver como a gravidade terrestre nos permite chorar, mais outros asuntos de maior gravidade non nos sacan nin unha soa bágoa. 

martes, 9 de abril de 2013

Pecado carnal


Dos bistec de carne


Pouco feito, no seu punto ou ben pasado; con ensalada, patacas, verduras, arroz; de porco, tenreira (galega!) ou cabalo; á grella, guisado, nunha empanada... Está presente na maioría das dietas mundiais, preparada de varias maneiras e con diversos condimentos, pero hai algo en común en todas: un consumo abusivo de carne pode traernos máis dun desgusto. 

Hoxe saíron publicados os resultados dun estudo realizado nos Estados Unidos que confirmaba unha sospeita: hai algo na carne vermella, ademais da graxa e o colesterol, que aumenta o risco de padecer enfermidades cardiovasculares. Parece ser que esta sustancia, a carnitina, transfórmase nun gas e despois, no fígado, nun metabolito (TMAO) que se encarga de alterar o metabolismo do colesterol, facilitando o seu depósito nos vasos sanguíneos, o que causa múltiples problemas de saúde.
No estudo realizáronse probas de detección en persoas cunha dieta normal e en persoas que seguen unha dieta vexetariana; a ambos grupos déronselles a súa abundante ración de carne e realizáronse análises posteriores onde se observou unha considerablemente menor cantidade de TMAO naquelas persoas que son vexetarianas. 

Hai algo máis: nun estudio anterior, relacionouse o abuso de carne procesada coa morte prematura: a carne procesada son os embutidos, o xamón, as salchichas e aqueles similares, preparados e conservados con sal e outras sustancias que poden ser prexudiciais para a saúde, causando arterioesclerose (depósito de graxa e colesterol nos vasos sanguíneos), hipertensión arterial (polo sodio do sal) e cancro (polos aditivos que leva o procesamento da carne). Volvemos ao problema de antes: enfermidades cardiovasculares, diabetes e cancro. 

E isto que nos vén a dicir? En resumo, que non é recomendable máis de dúas racións de carne vermella á semana, cada porción de 70 gramos (do tamaño dunha caixiña de cigarros), mais tampouco debería de ser suprimida, dado que aporta unha considerable porción de proteínas e vitaminas do grupo B que han de estar sempre presentes. Canto á carne procesada, está comprobado que unha ración pequena á semana aporta un risco pequeno, polo que tampouco habería por que suprimila dunha dieta balanceada e equilibrada. E sempre que sexa posible, sustituir a carne por outras fontes de proteínas e ferro: legumes, cereais integrais, carne branca, peixe, ovos ou froitos secos, que diminúe considerablemente o risco de padecer unha morte prematura por enfermidades cardiovasculares ou cancro.


sábado, 6 de abril de 2013

Había unha vez un circo

Cando o azar que guiaba o mando da televisión me fixo caer naquela canle, sorprendinme da cantidade de tonterías por minuto que saían da boca daqueles monigotes. Pensei que estaba a ver un espectáculo de animais, en concreto un circo: había feras coma leóns que, no canto de ruxir, bramaban barbaridades; había un mono que só sabía patalexar e armar balbordo; e ata o propio domador, en lugar de guiar o programa, daba renda solta aos pallasos que por alí pululaban, no medio daquel caos con nome inapropiado.
Estou a falar do programa "Sálvame", en calquera das súas versións. Buscando un pouco pola rede atopei a  súa páxina na wikipedia, onde se describe un por un os colaboradores do programa e o seu "motivo" polo cal se viu envolto cada un deles no espectáculo. 

Pero a verdadeira razón desta entrada é outro: hai moitas maneiras de divertirse. Obviamente, non todo será cultura, información, aprendizaxe. O ser humano precisa do seu tempo de lecer e de ocio, pero o modo en que se empregue tal pode ser moi diverso. E na miña opinión, ningunha desas opcións dispón o des-fomentar educación e respeto pola xente. Chámenme o que lles saia do peto, pero non estou dacordo con ningún dos "valores" (máis ben, ao contrario) que se amosan no programa. Ben, é certo que é tan sinxelo como apagar o televisión, ou menos radical, cambiar de canle. Pero vai máis daí: non respeta os contidos apropiados dentro do horario infantil e é o programa con máis queixas de toda a televisión de España, onde incluso tivo que botar man o propio Ministerio de Industria (e que fai un/ha señor/a ministro/a no medio dun circo, onde o domador é máis pallaso que calquera dos monos?)

Vale, recoñézoo: non é un caso illado. Na "parrilla" da televisión podemos ver numerosos programas (e cada vez máis!) que rozan a devaluación social do devandito. Eses programas calan nas mentes da sociedade e abren fendas do tamaño do Gran Cañón do Colorado, onde calquera disolvente neuronal pode caer e queimar coma ácido os remanentes da sustancia gris (séculos de evolución para rematar na telebasura!)

E con isto que digo non imos a ningures, pero sinto que calando, como di o refrán, outorgo. E négome a calar desta vez.

martes, 2 de abril de 2013

030406

Lembro perfectamente aquel momento. 

Era un día coma o de mañá, 3 de abril, hai sete anos.  Saiamos de clase coa esperanza de comezar canto antes as vacacións de Semana Santa. Xusto antes de baixar as escaleiras, desexeiche unhas felices vacacións, e o mesmo fixeches ti. E mireite aos ollos e sentín. 
Non podo definir o que, pero sentín, sentín unha forte emoción. De medo, de comprensión, de novidade, de sempre, de nunca, de nada, de algo, de todo. 

Baixei as escaleiras sorrindo e cunha estraña sensación. Non entendín ata tempo despois. Pero sentino, e síntoo.  E segue aí, no mesmo punto onde comezou. 

Din que o tempo pon as cousas e as persoas no seu lugar. Non sei cal será o seguinte paso, descoñezo onde, cando, por que, con quen. Pero estou segura dunha cousa: nada será igual. Nada, porque todo cambiou. 
Asi e todo, non creo que as cousas cambien de súpeto, malia que a vida parece empeñarse en facernos crer que son os grandes feitos os que levan o peso. Simplemente hai intres onde os sentidos se anulan e a intuición reina sobre o caos do Universo. E alí, naquela nebulosa absurda e primaveral, estabamos ti e mais eu, hai anos, saíndo un día calquera do mesmo lugar de todos os días, que deixou de selo a partir daquel momento. 

Só un detalle, pero foi o momento onde sei que as cousas empezaron. Ciencia, química, quen sabe.

Din que cando un escritor se namora de alguén, este vólvese inmortal. 

Otra vez me has sacado a bailar, y quiero bailar.