miércoles, 20 de marzo de 2013

Por que en galego

E... si, señoras e señores, velaquí un tema espiñento de verdade, un deses tipo cardo borriquero que se enganchan á roupa e ameazan con esfiañala: por que escribo en galego.
Antes de nada, agardo non ofender a ninguén coa exposición das miñas ideas e espero que sexan comprendidas dende o punto de vista dunha mera opinión persoal, nada máis transcendental.

Pois ben, escribo en galego porque é a miña lingua materna, coa que estou familiarizada dende as primeiras etapas da miña vida. Falo en galego, leo en galego, oio galego e escribo en galego. Iso non implica que non utilice outros idiomas, como o castelán, porque é ben certo que o fago. Falo castelán con aquelas persoas que me falan en castelán, sen prexuízos, porque non creo que ningún dos idiomas sexa superior ao outro. Simplemente son linguas, meras ferramentas comunicativas para o ser humano, que foron -digamos- creadas para tal fin. Ben é certo que as miñas preferencias son sempre cara ao galego, e non podo evitalo porque é o que me sae, que dirían os poetas, da ialma. Gústame falar en galego porque o sinto meu, porque creo que ten unha capacidade semántica superior a outros para describir emocións e sentimentos, e directamente, porque me resulta máis fácil empregar a miña lingua nai antes que outras.
Hai moitos motivos polos que sentirme orgullosa de falar en galego, e é que un idioma, por ben poucos falantes que o empreguen, nunca pecha unha porta. Grazas á palabra, somos quen de darnos posibilidades a nós mesmos, e o coñecemento axuda a dispor das oportunidades. Pero iso non lle quita brillo ao castelán, ou ao inglés, ou a calquera outra lingua, que é igualmente válida para o emprego da palabra.
O único que diferencia o galego doutras é o número de falantes. O galego é unha lingua minoritaria e históricamente reducida por intereses políticos, o conto de sempre. Por que á xente non lle gusta falar o galego? Polas asociacións pexorativas que se levan feito ao longo do tempo, simplemente. Acaso é unha lingua fonéticamente fea? Coido que non; na miña opinión, ten unha musicalidade especial que a fai propicia para calquera uso, dende a creación artística literaria ata unha formalidade escrita.

Non podo evitar mencionar o cambio continuo de normativa cara á normalización deste idioma, e penso que máis que unha axuda, ás veces dificulta o seu estudo. A quen lle gusta que as normas cambien continuamente, as palabras desaparezan ou se traduzan a termos estraños? A ninguén, porque unha lingua que cambia a cada rato acaba por quitar as ganas de estudalo, así de claro. E disto teñen a culpa os políticos e os intereses que moven os peixes gordos que fan xirar o mundo -que non a Terra, que se move soa-. Pero non vou seguir por eses derroteiros que nos levan a outros temas. O galego, en si mesmo, parece ter a solución: é unha das linguas con máis variantes dialectais de toda Europa. Aínda que o uso formal do mesmo se vexa nubrado por imposicións de carácter administrativo, a liberdade da lingua falada permite o seu uso ceibe sen esixencias.

O peor de todo é que os propios galegos nos avergoñamos do noso acento, da nosa fala, e sentímonos vulgares. Cal é a orixe? Que ten o pobre do galego para ser tan desprezado? Que nos fixo el a nós para que desexemos esquecelo? Por que a rapazada non se sente motivada a estudalo nas escolas? Cal será o futuro da nosa lingua? Son moitos os interrogantes que neste momento, para min, non teñen outra resposta diferente á opinión que expresei unhas liñas máis arriba: politiqueo demagóxico e intereseiro, e anos de Historia esquecida e apartada por motivos estatais.

E para rematar, agardo -ilusa de min- que nalgún momento non teña que dar explicacións da lingua na que falo, porque non haberá que expoñer motivo algún do seu uso. Unha lingua recolle a historia dun pobo; é unha das herdanzas inmateriais máis valiosas que se poden facer. Unha lingua non se gasta, emprégase. Unha lingua non se devalúa, evoluciona. E unha lingua non é un obxecto que se perde, esquécese voluntariamente. E iso, querid@s lector@s, non o podemos descoidar endexamais.

Longa vida ao galego.

2 comentarios:

  1. Quédome cunha parte do texto: "Cal é a orixe? Que ten o pobre do galego para ser tan desprezado? Que nos fixo el a nós para que desexemos esquecelo? Por que a rapazada non se sente motivada a estudalo nas escolas?"
    Pois ben, algo si que fixo o pobre galego, tanto no pasado, como no futuro. No pasado, un simple erro estratéxico, de apoiar ó bando perdedor nunha guerra de sucesión. Non vou falar diso, pois agora mesmo non me apetece escribir todo o que teño que dicir sobre eses "grandes" e "marabillosos" monarcas que foron os Reis Católicos, ós que lle debemos o favor da ruina de Galicia. Eses sabios reis que non só trouxeron a uns papanatas de nobles, se non que acabaron con toda a riqueza que por aquí abundaba. Olivos, vides... Converteron unha das zonas máis ricas tanto económicamente como culturalmente da península, nunha terra de pailáns que aínda dura ata agora. E iso lévame ó segundo punto. Poderíase dicir que toda a culpa foi do pasado, pero non, non. A cousa non remata aí. Resulta que durante moito tempo foron os propios galegos os que se cargaron de merda, despreciando a súa terra, lingua e acatando sen pensar todo o que viña de fora. E máis ou menos camuflado, ese sentimento de inferioridade duda ata agora. Galicia foi e é unha terra marabillosa. O galego unha lingua fermosa. Pero nada se conseguirá facer, ata que os propios galegos non deixen de actuar como se fósemos inferiores. Basta xa de pedir facturas polo pasado e a empezar a traballar polo futuro. Basta xa de pedir "deudas históricas". O que pasou non se pode cambiar. Pero pódese mellorar o futuro. Basta xa de crermos inferiores. Somos galegos. Somos españóis. E somos do planeta terra, da especie humana. E tan válidos como calqueira outro.

    ResponderEliminar