martes, 20 de agosto de 2013

Libros non libres

Hai uns días, entrei nunha dos meus lugares favoritos: a Casa do Libro. Gústame pola súa tranquilidade, polo seu silencio aparente, porque non hai músicas estridentes, e porque hai libros (e algo máis que libros). Hai libros por todas partes. Son todo historias que contar, algunhas ficción, outras realidade, outras metade e metade. Son historias silenciosas que berran coas tapas quedas. Son vidas paralelas que comezan con maiúscula. 
Mais non todo é luz e cor. Non deixa de ser unha empresa e, como tal, busca satisfacer as necesidades dos clientes e suplir algunha que outra. E así foi como, para a miña sorpresa, descubrín que todo o recuncho adicado á literatura galega se desprazou a unha soa estantería. Nel había novelas novas, algunhas reedicións e outras xa consagradas, con algunha traducción polo medio. Pero eran poucos, eran moi poucos. No seu lugar, os chamados "best-sellers" ocupaban unha boa parte da entrada á tenda. 
Dende o meu punto de vista, non é nada xusto publicitar a máis libros que se venden por si sos; deixa aos demais nun lugar deficiente e desprovisto de tantas miradas, co que chegarán menos ao público. En segundo lugar, os ingredientes destes libros buscan a atracción do público, e iso vén a ser, nalgúns casos, como a comida "basura": non importa con que ou como estea feita, o importante é que se coma. Pois aquí o importante é que se venda lea.
Hei de confesar que últimamente non lin deste tipo de libros e tampouco entra dentro dos meus plans. Falta de tempo, falta de ganas, críticas negativas... Non son a adecuada para xuzgar este tipo de literatura, mais sigo pensando que o comercio e a venda está por enriba da calidade e non sempre se permite a outros, na miña opinión, de igual o superior valor lingüístico, chegar nas mesmas condicións ao público. 
Ben é certo que, a diferencia da comida ou das modas, a lectura tende a ser sempre algo positivo. Se diso se trata, non podo caer na comparación entre unha hamburguesa e unha novela, porque non é xusto e porque, en función da calidade da primeira, a segunda sexa posiblemente máis nutritiva. 

Despois da decepción que supuxeron estes cambios na librería, ollei ao meu arredor e subín unha planta: malia ser o mes de agosto non estaba baleira. E iso sempre é algo positivo porque, a pesar de que seguramente se vendan uns máis que outros, o importante é que segue habendo persoas que disfrutan do pracer de engulir ou saborear páxinas.

Que aproveite! 



lunes, 12 de agosto de 2013

Cada cousa no seu lugar

Nun mundo onde xa consumimos máis recursos dos que a Terra nos pode ofrecer, a reciclaxe cobra especial importancia. Mais ninguén dixo que fose fácil. 
Estes días caeron nas miñas mans uns folletos acerca da separación de residuos, porque a reciclaxe comeza na casa, na oficina, no colexio, no negocio ou no local.




Contedor AMARELO
- SI: botellas e envases de plástico (botellas de auga, refresco, envases de produtos de hixiene e limpeza, bolsas de plástico dos comercios), envases metálicos (tapóns metálicos, papel e bandexas de aluminio, aerosois e latas de refresco e conserva) e envases brik e similares (batidos, leite, zumes, viño, caldos, purés, iogurt, envoltorios de plástico de galletas, aperitivos ou doces)
- Non: residuos de plástico que non sexan envases (perchas, xoguetes, cepillos de dentes, rotuladores, películas de vídeo, carretes de fotografías, cables eléctricos, enchufes) e outros residuos (cueiros, restos de alimentos, papel, vidro, pilas...)

Contedor AZUL
- SI: papel e cartón (xornais e revistas, libretas sen anelas, grapas ou arames; papel de embalar ou de envolver, caixas de cartón, acolchado de embalaxes se é papel ou cartón, libros, bolsas de papel)
- Non: nunca habemos de botar papel de aluminio, bricks, cueiros, servilletas ou panos de papel sucios, cartón e papel manchados de graxa ou aceite. Tampouco papeis de calco.

Iglú VERDE
- SI (e sempre sen contido): botellas de vidro (de viño, cava, licores), frascos de perfume e tarros de alimentos.
- Non: bombillas, lámpadas, tubos fluorescentes, porcelana ou cerámica, cántaros, vidros das ventás ou espellos, vasos, copas de cristal, tapóns ou corchos, pantallas de televisión ou ordenador. 

Puntos ESPECIAIS (consultar ao Concello)
- Pilas: han de ser depositadas en puntos especiais para a súa recollida. Son un residuo especialmente contaminante, polo que debemos ter coidado.
- Aceite doméstico: hai supermercados que o recollen, como Eroski ou Mercadona, pero tamén servizos municipais. 
- Residuos de liña branca (frigoríficos, lavavaixelas...) e de liña marrón (equipos de música, ordenadores, televisores...)
- Refugallos voluminosos: mobles, colchóns e similares. 
- Pequenas cantidades de escombros domésticos.
- CDs e disquetes.
- Bombillas e tubos fluorescentes.


No caso de vivir no rural, é posible fabricar compost a partir dos refugallos orgánicos que se xeneren na casa. Para iso, é preciso seguir un manual que proporciona consellos e pasos para realizalo, pois non todo é válido: Compostaxe doméstica - Sogama (o manual atópase á dereita, na zona de descargas)


E sempre que non saibamos ou teñamos dúbida:

   Contedor de orgánicos: restos de comida, cueiros, papeis e cartóns lixados de graxa ou aceite, utensilios rotos (tixola ou similar), cubertos, xoguetes rotos, etc.




Lembra que o teu lixo tamén ten valor. 

lunes, 5 de agosto de 2013

Agugu

Comezamos unha nova tempada no blog! E que mellor maneira de facelo que con estas caras de riso. Sen dúbida, os bebés espertan en nós unha simpatía especial, algo así coma un instinto que nos obriga a coidar deles e asegurarnos da súa protección.


O feito de que nacera o futuro herdeiro á Coroa Británica fíxome pensar no que sería a vida dese cativo dende o primeiro momento. El non se lembrará, non terá conciencia, estará durmido ou non entenderá, pero algún día, será, probablemente, Rei. 
E se non fose ese neno e fose outro? Que pasaría se confundiran as etiquetas no hospital, se por un erro humano se cambiase o destino desas persoas? (De película, pero non por iso menos certo)

Dentro das mellores experiencias que tuven como estudante de Medicina está a de asistir a un parto. Cando vin aquela criaturiña a patalexar, pensei que, a partir daquel momento, podería ter a vida que quixera. Aquel neno chegaría a ser case calquera cousa, dende astronauta, político, filósofo... ata o investigador máis destacado do século, ou mesmo un asasino en serie (a ninguén se lle ocorre pensar que un bebé pode ser un criminal en potencia), Príncipe de Asturias ou premio Nobel. 

E digo case porque, ao nacermos, non somos papeis en branco. Nun principio pode parecelo, pero existe unha nova rama da Xenética, a Epixenética. 
Esta explica por que somos tan diferentes cando xenéticamente somos moi semellantes. Que diferenza hai entre dous irmáns? Mínima no xenoma, pero poden chegar a ser moi diferentes fisicamente. Esto explícase porque o ambiente si modifica a carga xenética que temos, sen chegar a modificar a secuencia de ADN. 
Deste xeito, hai xenes que se expresarán e outros non, e iso levaranos a ter determinadas características físicas que se verán na apariencia externa ou se manifestarán doutra maneira.
Así pois, hai máis do que se herda. Os factores ambientais que dependen do comportamento dun mesmo semellan os máis importantes, mais non son os únicos. Mediante estudos, sábese que a dieta que levaron os nosos avós e bisavós pode influír na nosa predisposición a determinadas enfermidades. As épocas de fame e malvivir amósanse xeracións despois. 




Por iso, na medida do posible, debemos ser persoas sans e coidarnos, porque non só nos o notaremos: os nosos herdeiros tamén nolo agradecerán. 

Para quen queira saber máis: Epigenética

viernes, 26 de julio de 2013

Días negros

A entrada que correspondía no lugar desta era ben diferente. Véxome na obriga moral de pospoñela e escribir algo respectuoso polo ocorrido na nosa terra no serán do mércores pasado.
É inevitable sentir unha profunda pena ao saber que a mala sorte, por chamarlle dalgunha maneira, se nos cruza no camiño, outra vez. Na vida diaria, ocupados nos seus mesteres, esquecemos que somos humanos, que erramos, que somos solidarios. Esquecemos que respiramos, que nos bate o corazón no peito, que pestanexamos. Ata que doe. Ata que pasa algo. Ata que o motor deixa de funcionar. Ata que a luva se da a volta e non nos serve. Ata que por fin, nos damos conta de que o prezo a pagar a cambio do noso estilo de vida é moi alto en comparación cos beneficios.
Vivimos pronto, con présa, atarefados nun sinfín de propósitos encomendados por un modo de vivir breve, ínfimo, sintético, agudo. Vivimos por e para, vivimos nun senvivir de intereses, obxectivos, ideas, pensamentos, finais. Todo nos molesta, nada nos afecta, eu son o primeiro e son o mellor. Ata que todo fina nun suspiro, e se vai para non volver.
Que difícil, entón, descubrir que a vida segue. E canto doe ter que seguir, irremediablemente.
A impotencia que sentimos, a empatía que desenvolvemos ao ver as terribles imaxes difundidas nos diferentes medios de comunicación, é máis intensa canto maior é a proximidade respecto do ocorrido. “Puiden ser eu”, “puido ser ela/el”. Iso asústanos e estremécenos, dános arrepío e sentimos que toda a muralla que construímos día a día ao noso carón se vai nun golpe de vento, nun golpe de mar.
E daquela, algo se activa no noso interior. O ser humano, na súa esencia máis pura, bríndanos un chisco de esperanza ao sabernos capaces de reaccionar, de saber apoiarnos, de poder procurarnos un benestar mutuo e recíproco. De que podemos dar a cambio de nada, que o meu é teu e que farei todo o posible por ti, sen máis.

Tristes días.
Descansen en paz.


martes, 21 de mayo de 2013

Contigo si, bicho

Hai uns días, saíu unha noticia curiosa, á par que culinaria: comer bichos para matar a fame no mundo. O titular rezaba así: 

La ONU insta a comer insectos para combatir el hambre en el mundo


A primeira reacción foi de sorpresa (pardiez!), mais a segunda foi unha reflexión. Igual non está tan mal. Case un tercio da poboación mundial consome estes animaliños a diario. Na lista dos favoritos están os escaravellos, vermes, abellas e formigas, seguidos doutros tantos seres con múltiples patas e antenas... 


Despois de tantos séculos fuxindo deles, tentando o seu exterminio e buscando todos os modos posibles de desfacernos destes seres, resulta que nos convén botalos na ensalada a modo de picatostes. (Adeus, Cucal)


Segundo os expertos, hai os motivos que defenden o seu uso culinario van máis alá dos límites do gusto: existen razóns medioambientais, ecolóxicas, agropecuarias, económicas, sanitarias, culturais e nutricionais que respaldan o seu uso como alimento. 


- Parece ser que expulsan menos dióxido de carbono e metano á atmosfera, o que, a diferenza do gando que actualmente se explota, non favorece o chamado "efecto invernadoiro".
- Son un recurso natural do bosque e da selva, un elemento abundante na natureza que esta nos brinda e está por explotar. 
- Promover o seu consumo nas zonas tropicais, onde está máis aceptado, evita a globalización das dietas cara ao modelo occidental. En Occidente, pese a poder rexeitarse nun principio, espérase o seu acollemento, así como se fixo con outros pratos (o sushi, concretamente, que é peixe cru)
- Son unha fonte natural de proteínas, graxas, vitaminas, fibra e minerales, chegando a ser equiparables en proporción cunha ración de carne ou peixe. 

E agora... alguén se imaxina a Arguiñano preparando algo "rico, rico" a base de moscas e saltamontes?  (ñam, eh?)


Persoalmente, creo que nun principio si poderían causar algo de rexeitamento. Non sería o típico entrante que pediría nun restaurante, mais por que non probar? Quizais o gusto por eles veña pouco a pouco, especialmente sabendo se son ou non tóxicos. Na miña opinión, de saber que seguen un proceso regulado por unhas normas sanitarias controladas, non diría que non a probalo... que hai que perder? Xa o dicía o Rei León...  (vídeo) Viscoso... pero sabroso!

Outras fontes: 

_______________________

Aquí deixo os enlaces para quen se atreva a poñer as antenas diante dos fogóns: 

Canto ao título, para botar unha risada, o vídeo de Contigo no, bicho

E para @s que queiran pasar un bo rato apto para todos os públicos, unha das miñas películas infantiles favoritas: "Bichos"

viernes, 17 de mayo de 2013

1863


Hoxe estamos de aniversario. 

Hai 150 anos, un día coma hoxe, imprimiuse nos talleres de Juan Compañel en Vigo "Cantares gallegos". 
E con motivo de celebración desta data, cada ano adícaselle o día a un/ha escritor/a na lingua galega. 
Este ano é o ano de Roberto Vidal Bolaño. 

E sen máis, felicidades ao galego, 
por seguir existindo 
malia as trabas que lle van poñendo no camiño. 

Por moitos anos.








jueves, 16 de mayo de 2013

Caladiño non estás máis ghuapo

Sempre tiven a idea que o mes de maio era un mes de revolucións. Dende o 25 de abril portugués, pasando polo primeiro de maio e as Letras Galegas. Maio leva no seo un sentimento de cambio, de renovación, de novidade. Quizabes sexa pola verdadeira chegada da primavera, ou porque o Sol bate con máis forza nas facianas e podemos chegar a ver o que o inverno nos impedía.

A Música, coma unha Arte máis, ten obras referentes ao cambio. Victor Jara, Silvio Rodríguez, The Beatles,  Joan Manuel Serrat, Amaral... non son poucos @os artistas que se uniron a cantar e berrar para avivar o sentimento de reforma, de comezo dunha nova época. Mais todo parece quedar nunha simple mensaxe que non acaba de espertar os miolos populares. 


Que sucede?

Nos últimos días, unha serie de mensaxes sinónimas chéganme, coma se o destino tivese algo que ver, por medio da lectura: "1984", "Sempre en Galiza" e un simple paso de peóns. E todos veñen a dicir o mesmo: a revolución está apagada. Noutros tempos, noutros lares, a voz do cambio vén seguida e causada dunha resposta popular unificada nun mesmo berro: o que hai non nos serve e temos a solución, queremos unha solución. 



No libro "1984", George Orwell fala por boca de Winston, o protagonista, acerca da existencia dunha clase social inferior, os proles, nos que depositaba a esperanza dunha nova era. Serían os únicos capaces de cambiar, mais a única forma de darse conta sería cambiando, o que facía da posibilidade un circulo pechado. Que foi primeiro, o ovo ou a galiña?

En "Sempre en Galiza", Castelao escribe acerca dun paradoxo: aquelas cabezas pensantes que dirixen teorías acerca do cambio soñan coa posteridade e con viviren a fama despois de morrer, e se eles mesmos observan que as súas hipóteses callan na poboación e comezan a brillar as cinsas, preparadas para volveren a arder, "os mesmos sementadores da teoría collen medo, e algúns son capaces de abandoaren os seus postos de honor". A lectura segue cun: "Eles gostan de chamaren tempos heróicos aos do espallamento da ideia, e non se decatan de que o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos [...], simplemente un xogo de amor propio. E así, soñar c-un futuro lonxano e venturoso cicáis sexa un divertimento poético, alleo a toda vocación de sagrificio"


Pero que pasa?

A Revolución está escrita no noso ADN, atreveríame a dicir. Os brotes dos cambios, os novos tempos, levámolos escritos no máis profundo do noso ser. Como, se non, seriamos capaces de avanzar? Que sería dos tempos actuais se non fose polos cambios, pola evolución forzosa, polo pulo de comezar de cero? 


Que cómod@s somos. A culpa sempre é do sistema. Na sociedade occidental témolo case todo feito, se temos diñeiro. Xa o dicía Quevedo, "poderoso caballero es don Dinero". Se non o temos, berramos por igualdade de dereitos, pola Xustiza, por un traballo e un anaco de pan. Se temos diñeiro suficiente, calamos. Coma os romanos, panem et circenses. Chéganos cun par de cañas, uns pinchos e que gañe a Roja (sen meterme en profundidades, mais ese nome é un paradoxo). Se nos sobra a pasta gansa, mirámonos por enriba dun dos Audi de turno e conseguímolo todo cun par de palmadas no aire. Xa non digamos se somos da realeza e mi-papá-el-Rey mete man para sacarnos do calabozo, aínda que roubasemos máis pitas que a raposa do conto ("Querida" Cristinita, así en confianza, se te ve el plumero)

Así non hai quen se levante do sofá máis que para celebrar un gol. Xa non digamos para votar. En España, a  Lei de d'Hont reparte in-xustiza política en cada sufraxio (nota para as mulleres, en especial: ninguén se lembra xa de cando só votaban os homes? Cantos ríos de sangue brotaron para podermos conseguir un sufraxio universal? E agora non imos votar, botando séculos de loita por terra?) Os grandes lévano todo, os minoritarios comen migallas. E os votos en branco lévanos tamén os meirandes. Se a iso lle engadimos que a abstención achégase á metade da poboación que pode votar, teremos un resultado coma o actual: dúas cámaras atestadas de mari-an-onetas que quentan o escano, con sorte, unha vez á semana. O sistema político está máis que frío, non hai galiñas que choquen promesas electorais durante as lexislaturas, hai falta de güevos. Semella que todo queda en auga de borrallas. Cinsas, pó. Só quedan vigas oxidadas e mentes corroídas polo ácido da ignorancia e da vagancia. 

De novo, "1984": 
A guerra é a paz. 
A liberdade é a escravitude. 
A ignorancia é a forza.

Chegou o momento de limpar as teas de arañas, remover os mobles, erguer as alfombras, abrir as ventás e deixar entrar o aire de maio, aire de revolución, aire de cambio. 
Loitemos polos nosos soños, loitemos por un mundo xusto, un mundo en Paz, un mundo en galego, un mundo libre. Loitemos polo mundo que queremos, non polo mundo imposto, senón polo mundo por vir, polo porvir. Loitemos e votemos, loitemos en Paz, que non en silencio. Berremos por unha vida digna, por un traballo que cumpra coas sociedade, que nos permita vivir sen desvivirnos. Loitemos por unha sanidade pública e libre, da que todos poidamos gozar. Puxemos por unha Xustiza onde compartamos os mesmos dereitos e deberes. Loitemos por unha educación pública onde todos teñamos voto. Votemos para que todos teñamos voz. Que as nosas voces se oian, que as nosas gorxas prendan no berro da liberdade porque desta vez, por moito que nos custe aceptalo, caladiños non estamos máis ghuapos.



Os tempos son chegados
dos bardos das idades
que as vosas vaguidades
cumprido fin terán;
pois, onde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
Nazón de Breogán.


Queixumes dos pinos. Eduardo Pondal 



Ver tamén: